Acto de toma de posesión do reitor da Universidade de Vigo. Período 2022-2026 20 de xuño de 2022
Acto de toma de posesión do reitor da Universidade de Vigo. Período 2022-2026
A lembranza ao profesor Manuel Ramos foi constante ao longo de toda a cerimonia. Manuel Reigosa prioriza o recambio xeracional e a atracción e consolidación de talento investigador na súa nova etapa á fronte da UVigo
O actual reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reelixido nas eleccións do pasado 4 de maio, tomou posesión este luns por outros catro anos nun acto que estivo presidido polo titular da Xunta, Alfonso Rueda, e que, en grande medida, protagonizou a lembranza do profesor e ex vicerreitor Manuel Ramos, falecido na véspera das eleccións. Para el foron as primeiras palabras que pronunciou o reitor e que antecederon un discurso no que lembrou como xurdiu H2040, a formación que representa, os logros acadados nos seus primeiros catro anos de goberno, “intensos e marcados pola pandemia”, e os obxectivos xerais para os vindeiros catro, un período no que, tal e como explicou o reelixido reitor, a institución tratará de facer fronte ao recambio xeracional no cadro de persoal docente e investigador e ao reto demográfico que fará, “cada vez máis necesario”, incorporar alumnado doutras latitudes.
Na cerimonia, que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, e na que os doce integrantes do novo equipo do goberno xuraron os seus cargos, o presidente da Xunta destacou o papel preponderante das universidades na sociedade. Alfonso Rueda referiuse, neste sentido, ao papel “paradigmático da UVigo como motor conectado á contorna”, ao tempo que lembrou a implicación de Manuel Reigosa na creación e no desenvolvemento da institución académica viguesa, referíndose a el como un interlocutor “esixente e dialogante”.
A toma de posesión de Reigosa contou coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e do de Santiago de Compostela, Antonio López, así como do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa. A eles sumáronse entre o público numerosas autoridades, desde exreitores como Luis Espada ou Alberto Gago, ata o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente do RC Celta de Vigo, Carlos Mouriño; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; os delegados da Xunta en Vigo e Ourense, Marta Fernández Tapias e Gabriel Alén; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña; o delegado do goberno no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, ou o bispo da Diócese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro.
Fonte: DUVI (Diario da Universidade de Vigo)