8M Día Internacional das Mulleres 2023 8 de mar. de 2023
8M Día Internacional das Mulleres 2023
Durante o acto faise entrega do Premio Uviguala 2023 para Rosa Graña, xefa do Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos. e as alumnas Lara e Rosalía, en representación de AUCE-Asociación Universitaria de Ciencias da Educación, presentan o manifesto do estudantado.
“Necesitamos unha revolución, unha transformación radical que acabe coas desigualdades, coa violencia, coa inxustiza e coa precariedade. A revolución que necesitamos é o feminismo”. Con esta reivindicación recolle o Premio Uviguala 2023 Rosa Graña, xefa do Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos. A entrega desta distinción, que recoñece o compromiso das e dos membros da comunidade universitaria coa igualdade, é o eixo central das actividades que organiza a Universidade de Vigo para conmemorar o Día Internacional da Muller.
No acto, que se celebra no edificio Miralles, o reitor, Manuel Reigosa, felicita á galardoada, “unha persoa que traballa 24 horas ao día, sete días á semana, 365 días ao ano, pola igualdade”. Na súa intervención, o reitor recoñece que aínda queda camiño por andar para acadar unha “sociedade xusta e igualitaria”, porque “os datos amosan que, incluso nunha Universidade que se preza de ser igualitaria, que se manifesta feminista e que no seu Plan Estratéxico ten a igualdade como eixo fundamental, aínda non somos igualitarios”. Reigosa tamén recoñece sentir “unha mestura incómoda, entre a ledicia e o desazó” pola falta de unión do feminismo neste 8M. “Esta marea de cor e enerxía, esta auténtica revolución que se vén anunciando dende hai tempo está fracturada”, recalcaba, e cómpre “aparcar as diferenzas e traballar na busca dese mundo mellor no que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades”. Para iso solicitou “a todas e todos unidade de pensamento e de acción, hai que debater moito, tomar acordos e seguir xuntas, porque xuntas somos máis fortes”.
A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, é a encargada de ler a acta da Comisión de Igualdade que acordou por unanimidade concederlle esta distinción a Rosa Graña, por ser, entre outros méritos, “un exemplo da xestión con perspectiva de xénero, no traballo de administración e de servizos da nosa universidade; de compromiso profesional e institucional co alumnado máis desfavorecido ou vulnerable; por ser unha icona dentro da UVigo como referente de que a transversalidade de xénero na xestión administrativa e de servizos na nosa comunidade universitaria, loitando por evitar as situación de violencia machista institucional ou por traballar para converter a nosa Universidade nun lugar acolledor e seguro, que promove a convivencia e o respecto durante o proceso de aprendizaxe e madurez do noso alumnado, co fin de contribuír activamente á construción dunha sociedade máis humana, xusta e igualitaria”.
Fonte DUVI