Mesa Redonda 19 de abr. de 2024
Mesa Redonda
A II Xornada anual sobre políticas alimentarias, organizada polo grupo de investigación Food and Health Omics da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense presentouse como “un punto de encontro entre os distintos axentes da cadea alimentaria no que expor a súa experiencia no ámbito da seguridade alimentaria”, contando coa asistencia de arredor de 170 persoas.
A xornada estivo coordinada polas profesoras e investigadoras Raquel Rial, Beatriz Cancho, Elena Martínez e Carmen González. Na súa inauguración, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, lembrou que a seguridade alimentaria constitúe unha área de traballo prioritaria do campus Auga, o campus de especialización de Ourense.
Cada ano, explicou pola súa banda Beatriz Cancho, “organizamos unha xornada sobre políticas alimentarias porque queremos que se consolide a Facultade de Ciencias como punto de encontro e foro de debate entre todos os axentes dos diferentes ámbitos do sector alimentario e este ano decidimos dedicala á seguridade alimentaria”. Así, a actividade reuniu “a todos os actores imprescindibles” para falar de seguridade alimentaria no marco da estratexia “da granxa á mesa”, que abarca toda a cadea alimentaria e que está destinada a acadar sistemas alimentarios xustos, saudables e respectuosos co medio ambiente.
Fonte: DUVI