Introducción da mesa "Modelos de xestión dos Centros de Linguas no Ensino Superior" 30 de xuño de 2017
Introducción da mesa "Modelos de xestión dos Centros de Linguas no Ensino Superior"
Os Centros de Linguas nacen na contorna universitaria, pero atenden necesidades formativas e de acreditación en linguas instrumentais que teñen unha dinámica de funcionamento distinta á da ensinanza superior regulada. É por isto que é necesario definir e/ou adaptar procesos de xestión e de organización acaídos á súa actividade. Este feito, común por outra parte a calquera tipo de organización, cobra especial relevancia no ámbito de entidades de dereito público, ou de dereito privado pertencentes ao sector público. As cuestións principais que se tratarán na sesión son as seguintes: análise dos distintos modelos de xestión (pública, privada, ou mixta en función da actividade de que se trate); estrutura organizativa, tanto administrativa como académica; modelos de relación coa universidade; medios de financiamento; influencia do modelo de xestión no desenvolvemento do traballo dos centros; e en xeral os retos de futuro neste ámbito. Para abordar estas cuestións, participarán na mesa centros con distintos modelos de xestión, aqueles que forman parte da estrutura da universidade, e aqueles con modelos de xestión privada, ben a través de fundacións ou de distintos tipos de empresas, pertencentes ou non ao sector público.