Intervención de Salustiano Mato de la Iglesia (Reitor da Universidade de Vigo) 29 de xuño de 2017
Intervención de Salustiano Mato de la Iglesia (Reitor da Universidade de Vigo)
Tanto na docencia como na investigación o inglés gaña cada vez máis peso nas institucións universitarias. Moitas universidades ofrecen titulacións completas ou materias neste ou noutros idiomas estranxeiros e poñen a disposición do alumnado e do persoal formación complementaria de idiomas para a mobilidade internacional e a I+D deseñando sistemas de acreditación de coñecementos lingüísticos. Isto responde á Estratexia para a Internacionalización das Universidades Españolas 2015-2020, pero neste contexto faise necesaria unha posta en común das estratexias de plurilingüismo que se están a desenvolver en cada universidade, algo que durante os tres próximos días se debaterá en Vigo no marco do X Congreso da Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior, ACLES. O obxectivo deste simposio bianual, que se celebra por primeira vez en Galicia entre hoxe e o sábado, é “analizar este novo papel dos Centros de Linguas como instrumento clave na internacionalización das nosas universidades e compartir boas prácticas en internacionalización a través das linguas”, como explica a profesora viguesa Esperanza Rama, presidenta do Comité Organizador.