Distincións académicas do curso 2015-2016 27 de xan. de 2017
Distincións académicas do curso 2015-2016
A Universidade de Vigo celebrou este venres o acto académico que, en palabras do reitor, Salustiano Mato, “permite visualizar os mellores valores que rexen esta Universidade: o traballo, a rigorosidade, a seriedade, o compromiso e a excelencia”. Co gallo da celebración do seu patrón, San Tomé, a institución académica viguesa entregou este mediodía ao seu alumnado os premios fin de carreira, grao e doutoramento do curso 2015-2016, así como os III Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero en traballos de fin de grao e mestrado, en total, preto dun cento de galardóns cos que a Universidade recoñece ao seu estudantado máis excelente. No acto celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, 57 mulleres e 41 homes recibiron as insignias e medallas da Universidade que, asegurou Mato, “premia feitos, realidades, compromiso, seriedade, rigorosidade, traballo e excelencia”. A secretaria xeral da Universidade, Gloria Pena, foi a encargada de dar lectura á relación de premiadas e premiados, que xunto a familiares e representantes da comunidade universitaria encheron os asentos do salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, no que tamén se deron cita representantes dos ámbitos político, social, económico y cultural galego. Xunto ao reitor, a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Ana Graña; o conselleiro de Presidencia e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa e a vicerreitora de Estudantes, Dolores Álvarez foron os encargados de presidir o acto, no que o Coro Universitario interpretou as pezas musicais Cada noite e Desde el alma, ademais do Gaudeamus Igitur.