Bravxs 5 de mar. de 2020

Visto 27 veces

Bravxs

O acto institucional abriuse coa presentación da campaña fotográfica Bravas. Mulleres da Universidade de Vigo, un “retrato coral, construído desde a pluralidade de miradas femininas” que busca homenaxear “ás máis de 11.000 mulleres que integran a Universidade de Vigo”, como destacou Mónica Valderrama. Con esta iniciativa, explicou, a Universidade súmase ao “proxecto colaborativo de ámbito global” Inside Out, impulsado en 2011 polo artista francés Jean René (JR), e que levou a diferentes colectivos a empregar o espazo urbano para proxectar, a través de retratos a grande escala, as “realidades e identidades de persoas e grupos”. Nesta iniciativa insírese tamén o proxecto Mulleres [rur]urbanas que, co apoio da Unidade de Igualdade e do Concello, a cooperativa cultural 7H levará a cabo nos próximos días nas rúas de Pontevedra co propósito de pór en valor ás mulleres rurais. Seguindo esa liña e coa idea de dar visibilidade ás docentes e investigadoras, persoal de administración e servizos e alumnas da Universidade, presentouse unha campaña integrada por 18 retratos, agrupados baixo o lembra de “bravas”, que define “a actitude das mulleres, a súa valentía e traballo diario”, como salientou Valderrama.

No acto presentouse así mesmo a publicación Quero ser investigadora, da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, que busca espertar as vocacións científicas do alumnado de secundaria, dándolles a coñecer a traxectoria e ámbitos de traballo de dez investigadoras da Universidade.

Neste acto institucional, o reitor, Manuel Reigosa, fixo entrega do galardón ás representantes da delegación Antía Fandiño e Nerea Dosil, que destacaron a importancia dun premio que constitúe un “recoñecemento ao esforzo e ao traballo dos nosos compañeiros e compañeiras nun evento tan difícil de xestionar como é San Teleco”. Na súa intervención Reigosa amosouse “moi orgulloso” dunha iniciativa, os puntos lila, “que está cambiando para ben as festas universitarias” e animou ás premadas a que manteñan a súa implicación coa loita por unha “igualdade real, que aínda queda moi lonxe”, nun acto que contou tamén coa intervención da vicerreitora da Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e coa presenza dos vicerreitores dos campus de Pontevedra e Ourense, Jorge Soto e Esther de Blas, da concelleira de Igualdade, Paloma Castro, da deputada provincial Ana Laura Iglesias e diferentes membros da comunidade universitaria.

A concesión deste premio Uviguala foi acordada por unanimidade pola Comisión de Igualdade da Universidade, salientou Águeda Gómez. A directora da Unidade de Igualdade lembrou neste acto o manifesto publicado, con motivo do 8M pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), para incidir no "compromiso coa igualdade" das universidades españolas. Gómez anunciou tamén que nas próximas semanas presentarase á comunidade universitaria o terceiro plan de igualdade da institución académica e que o luns darase a coñecer no campus de Ourense un estudo sobre “a valoración, percepción e impacto das políticas de xénero” da Universidade. Este, explcou, ten entre os seus “resultados máis salientables a necesidade maioritaria de formación con perspectiva de xénero”, motivo polo que verase complementado pola presentación dun “itinerario de formación virtual en xénero”.

Fonte: DUVI


Vídeos da mesma serie
Día Internacional da Muller 2020
Presentación da campaña fotográfica Bravas. Mulleres da Universidade de Vigo, un “retrato coral, construído desde a pluralidade de miradas femininas” e premio Uviguala recoñece ao alumnado da EE de Telecomunicación polo impulso dos puntos lila
5 de mar. de 2020
Bravxs
5 de mar. de 2020
Presentación da campaña fotográfica "Bravas. Mulleres da Universidade de Vigo"
Intervención de Mónica Valderrama Santomé Vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais
5 de mar. de 2020
Teito de Cristal
5 de mar. de 2020
Cousiñas de Muller
5 de mar. de 2020