Amor de Nai 4 de maio de 2021
Amor de Nai
Audiovisual elaborado a partir da reinterpretación persoal de tres poemas de Xela Arias
Audiovisual elaborado a partir da reinterpretación persoal de tres poemas de Xela Arias.
Na primeira parte, empregamos o poema de Darío a Diario para representar a protagonista feliz de imaxinarse a si mesma coa súa pequena, paseando e amosándolle o mundo (“Imos, meu ben, camiñar sereno pola cidade sen ramplas nas aceras. Imos comeza-lo xeito da túa vida...”). Pese a anticipar que ser nai converterase nun labor esgotador, a súa ilusión supera esa expectativa e emociónase só de pensar que os signos de cansazo poderían chegar a converterse en algo divertido para a súa nena (“[...] Mesmo as bolsas dos meus ollos serán monecos dos teus días xunta min”). Unha chamada do xinecólogo encargado de efectuar o seguimento do embarazo dará comezo ao poema recollido en Intenpériome. A partir dese instante, a muller vese sumida nun círculo de estrés, frustración e desesperación, pois o seu instinto dille que algo moi malo está por sucederlle ao bebé. Comprobamos entón que ela non era máis que a unidade composta de desorde, esa da que fala Xela Arias, a torre desmoronándose que observamos ao inicio do audiovisual. O malestar repercute no seu traballo e no seu día a día en xeral, se ben consegue recompoñerse grazas ao apoio do seu marido (“[...] e dou co punto único do centro dos abrazos”) e á súa propia forza de vontade (“[...] abrazo a desorde das ideas e sei que a unidade se compón”).
Xa no hospital, o médico transmítelles á muller e mais ao seu marido a noticia e, con isto, precipitámonos cara ao desenlace da historia por medio do terceiro poema, incluído no poemario Denuncia do equilibrio. A través da dor e a tristura que a autora exterioriza coas súas palabras (“—UN TÉRMINO absoluto— un non existir que é ser pleno [...] ¿onde vingarme así de min que tantas feridas xa adoptei? ... senón partindo este meu eu en longo berro”), creamos a imaxe dunha muller completamente desolada e aflixida pola morte da nena: “¿onde senón morte acada-lo estadio lucido da disolución?”, ao punto de tolear, tirando cos seus xoguetes e coa súa roupa e berrando no balcón.