Presentación de Olga Castro 12 de abr. de 2018
Presentación de Olga Castro
A tradución, que nun mundo globalizado desempeña un papel fundamental na mediación cultural, é un aliado tamén do feminismo. Con esta premisa, Olga Castro, profesora titular e xefa da sección de Translation Studies na Aston University, en Birmingham, explicou o poder transformador desta disciplina na busca da igualdade entre homes e mulleres nunha conferencia impartida no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución. O relatorio encádrase nas actividades do programa de doutoramento Tradución e Paratradución, do que a poñente foi unha das súas primeiras alumnas. De feito, a súa tese titulada Tradución, xénero, nación: cara a unha teoría e práctica da tradución feminista, recibiu o Premio Extraordinario de Doutoramento. Agora regresa á Universidade de Vigo convertida nunha referencia internacional nos estudos feministas de tradución.