Intervención de Enrique Varela. Decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública 7 de out. de 2021

Visto 23 veces

Intervención de Enrique Varela. Decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública

"2020-2030, una década crucial para renovar la administración pública" é o título da conferencia que o catedrático da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona Carles Ramió impartiu no acto de apertura académica dos estudos de Dirección e Xestión Pública. “Ramió leva xa anos traballando en cuestións de prospectiva e é un dos maiores expertos sobre temas de administración pública, intelixencia artificial e robótica”, salienta Enrique Varela, decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública. “Quixemos recuperar, en clave de facultade, a organización dunha lección inaugural e outra de clausura”, engade Varela, que destaca o interese de centrar esta conferencia en “declinar en clave de administración” os cambios que en materia de xestión de procesos, de recursos humanos ou económica está a producir “todo o que ten que ver coa intelixencia artificial, a robótica ou simplemente co que antes chamabamos novas tecnoloxías”.

No marco do proceso de creación desta facultade, que agrupará o grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, avogouse, como explica Varela, por “recuperar” esas leccións inaugurais e finais, que servisen “para marcar eses tempos académicos e reunir toda a comunidade do grao, do máster, antigos alumnos”, e entidades colaboradoras. Esta iniciativa tivo agora como continuidade o relatorio de Ramió, que contou coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa.

Enrique Varela
Decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública, Universidade de Vigo