Unha porta que se abre para as persoas que se están a formar 11 de maio de 2016
Unha porta que se abre para as persoas que se están a formar
Entrar en contacto e entender mellor a contorna profesional antes de incorporarse a ela, son dúas das principais achegas das prácticas preprofesionais ao alumnado universitario, que a través delas tamén é quen de comprobar in situ a relación entre as titulacións que estudan e a realidade profesional. Mentres, no caso das empresas ou institucións, as prácticas son un xeito de poñer a proba a xente nova, testando coñecementos, capacidades e actitudes e preseleccionar persoas que poden ter un encaixe profesional nestas firmas ou entidades. O pasado curso 2014/2015 un total de 4196 estudantes da Universidade de Vigo realizaron prácticas, tanto curriculares, como extracurriculares. Se no primeiro caso as prácticas están configuradas como actividades académicas integradas como materias dun plan de estudos con carácter obrigatorio ou optativo, no das extracurriculares, trátase de prácticas que se desenvolven de xeito voluntario durante o período de formación e que, aínda tendo a mesma finalidade que as curriculares, non forman parte do plan de estudos. A suma das curriculares e das extracurriculares e a aplicación de Boloña tradúcese na práctica en que a ratio de cobertura das prácticas (número de estudantes que realizaron prácticas respecto do número de egresados e egresadas ese mesmo curso) achégase ao 100%.