O Gruvi recicla e doa ordenadores con software libre para 24 entidades sen ánimo de lucro 11 de feb. de 2015

Visto 1308 veces

O Gruvi recicla e doa ordenadores con software libre para 24 entidades sen ánimo de lucro

Asociacións culturais, de atención á discapacidade e de mulleres, entre as adxudicatarias

Recuperar e restaurar o equipamento informático en desuso e dotalo de software libre para darlle unha segunda vida útil en mans dunha entidade sen ánimo de lucro é o porqué da existencia do Grupo de Reciclaxe Informático da Universidade de Vigo. Coma se dun Robin Hood tecnolóxico se tratase, este grupo de voluntarios reciclará nos próximos meses os equipos destinados ás 24 asociacións sen ánimo de lucro que foron seleccionadas este ano nunha convocatoria que lles dará a oportunidade de informatizarse e potenciar a súa actividade. A selección dos destinatarios finais fíxose entre as máis de 60 solicitudes recibidas e, para realizala, se tiveron en conta unha serie de factores, entre os que Daniel Díaz voluntario do Gruvi destaca os de "non ter ánimo de lucro, centrar a súa actividade nas provincias de Ourense ou Pontevedra, o seu modo de financiamento, a actividade que desenvolven e a finalidade do equipamento que solicitaban ". Unha vez resolta a adxudicación comeza o traballo do grupo de reciclaxe. “Nestes momentos estamos a recibir as especificacións e requisitos no equipamento das diferentes entidades para personalizalo e adecualo ao uso que van ter” sinala Abraham Jorge, outro dos voluntarios. “Por exemplo, se o equipamento vai ser utilizado por rapaces, persoas maiores ou discapacitados instalamos o software Picaros, moito máis intuitivo que o básico, mentres que se vai ter finalidade administrativa ou contable, incluímos programas específicos para este fin” explica Daniel, “tamén, dependendo da solicitude das entidades e da dispoñibilidade de material que teñamos xa que se lles pode adxudicar máis dun equipo completo, aínda que o normal é entregar entre un ou dous” engade. O proceso de traballo comeza cando a Oficina de Medio Ambiente avisa aos membros do Gruvi de onde está o material obsoleto ou en desuso, entón eles achéganse a revisar cal pode ser recuperable e cal non e, unha vez seleccionado, lévano a o taller o que se poida reciclar. “A verdade é que hai moito material, neste momento non temos máis espazo ata que entreguemos as adxudicacións, o taller estase a quedar pequeno” subliña Daniel, puntualizando que “normalmente manexamos unicamente material da Universidade de Vigo, aínda que en ocasións tivemos que facer solicitudes públicas dalgún compoñente concreto do que andabamos escasos”.

Vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Universidade de Vigo

Vídeos da mesma serie
O Gruvi recicla e doa ordenadores con software libre para 24 entidades sen ánimo de lucro
Asociacións culturais, de atención á discapacidade e de mulleres, entre as adxudicatarias
11 de feb. de 2015