Consell d'estudiants de l'escola d'enginyeria UAB 10 de set. de 2018
Consell d'estudiants de l'escola d'enginyeria UAB
CE-EE-UAB
O campus de Vigo acolleu hai agora trinta anos a primeira xuntanza anual de estudantes de telecomunicación. Daquela apenas había tres ou catro centros impartindo estes estudos en España, hoxe son máis de vinte e os seus e súas representantes volven reunirse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo para tratar os principais asuntos que afectan ao futuro da titulación e tamén ao seu propio futuro profesional. Seis días nos que falar e debater sobre a creación dun bacharelato tecnolóxico real, unha das súas principais demandas; mobilidade internacional, implantación de actividades transversais nos plans de estudo e temas máis relevantes a negociar cos partidos políticos de cara ás vindeiras convocatorias electorais.
Na apertura do encontro, celebrada no salón de actos da escola, reuníronse o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini; o director da escola, Íñigo Cuiñas; a presidenta do Consejo Estatal de Estudiantes de Telecomunicación, Mónica Ortega, e o presidente do comité organizador, Alfredo García, membro da Delegación de Alumnado da escola e cabeza visible dun equipo do que tamén formaron parte os estudantes Óscar Moldes, Adrián Neira, Manuel Porta, Antía Fandiño, Eduardo Rodríguez, Jaime González, Samuel Novoa e Jorge Rodríguez. “Estes seis días nos que imos estar reunidos aquí en Vigo son só o cumio de doce meses de traballo”, explicou García, ao tempo que agradeceu a participación no encontro de 38 congresistas procedentes de 16 universidades de diferentes partes do territorio nacional.
“Tal e como se reflicte na temática elixida, o futuro das telecomunicacións, este congreso constitúese como un espazo para a análise e o debate do voso futuro”, recalcoulles a vicerreitora, que fixo tamén fincapé na importancia de contar coas empresas, os colexios profesionais e os e as enxeñeiras inmersas xa no mundo laboral. “As conclusións que quitedes estes días deben contribuír a que desde as universidades vos ofrezamos unha formación tanto de grao como de posgrao integral e de calidade e que vós participedes na toma de decisións para alcanzar ese obxectivo”.