As probas de acceso á universidade - ABAU 13 de feb. de 2019
As probas de acceso á universidade - ABAU
Intervención de Ricardo Corderí, Xefe do servizo de Extensión Universitaria
A piques de rematar o instituto, moitos mozos e mozas están ante un dos momentos decisivos da vida: elixir o seu futuro académico. Escoller rama do coñecemento, carreira, universidade e a cidade na que residir nos seguintes anos é un proceso cheo de dúbidas. Para axudalos a tomar esta decisión a Universidade de Vigo celebrou a segunda edición da Xornada de Orientación Universitaria no campus de Vigo, unha cita na que participaron arredor de 650 mozas e mozos de 15 colexios e institutos de Vigo, A Guarda, Porriño, Baiona, Lalín, Cangas, Ponteareas e Nigrán, ademais de todas aqueles estudantes, pais e nais e docentes que asistiron ao longo da xornada de xeito individual.
O obxectivo é dar a coñecer a institución e a oferta académica das súas escolas e facultades, así como os servizos, instalacións, etc. Para iso, o alumnado de secundaria participou ao longo da mañá en charlas informativas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e visitou os postos instalados no pavillón universitario, onde puideron coñecer cada un dos graos e recibir información sobre mobilidade, cursos de idiomas, instalacións deportivas, bolsas e axudas, aloxamentos, etc. A encargada de darlles a benvida foi a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que destacou que este tipo de eventos son de grande interese para o estudantado pre-universitario porque lles permite coñecer opcións, achegarse en primeira persoa á vida universitaria e ver o que a Universidade de Vigo lles pode ofrecer. Neste sentido, remarcou que a feira se estrutura por eidos do coñecemento, “para todas e todos os que aínda no sabedes que carreira queredes facer, pero si de que ámbito”.
Xa no pavillón, os mozos e mozas puideron achegarse aos postos dos 22 centros da Universidade de Vigo participantes, aos aos stands das delegacións de alumnado e as asociacións estudantís e recibir información sobre bolsas e axudas, deportes, voluntariado e cooperación, cursos de linguas, residencias universitarias, mobilidade internacional, cultura e ocio. Para captar a atención das e dos futuros universitarios, as diferentes titulacións da Universidade de Vigo organizaron unha morea de experimentos, actividades e xogos. Por exemplo, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía programou varias actividades, entre eles unha que gustou moito entre os asistentes, centrada en resortes termoelásticos, “que están deformados continuamente e unha vez que lles aplican calor volven ao seu estado inicial”, explica a alumna do Grao en Enxeñaría da Enerxía, Lucía Nieto. A Facultade de Ciencias de Ourense amosaba un experimento ligado á calidade de augas e outro centrado en detectar a presenza do amidón en produtos cárnicos que espertou “a curiosidade do alumnado”, explican as docentes Elena Martínez e Raquel Rial. Ademais, a delegación de alumnado de Ciencias do Mar expuxo diferentes mostras en formol “como fanecas e ovas de animais e aparellos relacionados coa oceanografía, como redes e outros elementos que se empregan nas prácticas de grao, relata a alumna Elena Martínez. Explica que se apuntou como monitora porque considera "moi importante informar o alumnado de ESO e Bacharelato, na miña época non había nada disto e sempre é produtivo coñecer de antemán a que te vas enfrontar". A programación de obradoiros completouse con talleres sobre as novas palabras da lingua galega, a visión infravermella, a cor na ciencia e a calidade do aire, o proceso de deseño dun cartel publicitario e a corrección de cor dunha curta publicitaria, o proceso tradutivo, ou a visión 3D.