Presentación dos ponentes 7 de mar. de 2019
Presentación dos ponentes
O financiamento, a captación e a fuga de talento, a comunicación, o acceso en aberto ao coñecemento, os modelos de gobernanza, a carreira investigadora, o modelo de universidade... estes son algúns dos grandes retos que afronta a política científica. Para afondar no debate sobre cal debe ser o futuro en I+D e para as propias universidades, o campus de Ourense acolleu unha mesa redonda na que, baixo o título A universidade cara a excelencia científica, sete investigadoras e investigadores de excelencia, todos eles e elas co selo Highly Cited Researchers, expuxeron a súa visión sobre estas cuestións.
A mesa, que estivo presidida por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo e moderada por María Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, contou coa participación de Jesús Simal, catedrático de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo; Maurizio Battino, investigador distinguido na Universidade de Vigo experto en bioquímica; David Posada, catedrático do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo; Luis Liz Marzán, director científico do CICbiomaGUNE, no País Vasco, e Juan José Nieto, catedrático de Análise Matemática da Universidade de Santiago de Compostela. Completaron o panel Lillian Barros e Isabel Ferreira, procedentes do Centro de Investigação de Montanha (CIMO) do Instituto Politécnico de Bragança, en Portugal, experta a primeira en fitoquímica, bioquímica e química analítica e a segunda en química e tecnoloxía de produtos naturais.
As e os participantes na mesa foron incluídos nalgún momento na Highly Cited Researchers List, o listado anual das e dos investigadores máis citados elaborado por Clarivate Analytics e baseado nos traballos publicados e citados durante a última década. Durante a súa autopresentación as e os investigadores participantes no debate destacaron como este logro, e en xeral o maior logro nas súas respectivas traxectorias, foi contar con equipos que fixeron posible este traballo e os avances acadados nas súas respectivas áreas de coñecemento, facendo fincapé na satisfacción que supón obter resultados que logo teñen un impacto positivo na vida real das persoas.