Benvida de Mónica Valderrama 25 de xuño de 2019
Benvida de Mónica Valderrama
Vicerrectora de Comunicación y Relaciones Institucionales, Universidade de Vigo
Aínda que non foi ata o ano 2001 que a figura do Defensor Universitario se converteu en obrigatoria no sistema universitario español, a Universidade de Vigo xa contaba desde 1999 cun Tribunal de Garantías. Desde entón pasaron 20 anos, dúas décadas nas que este órgano se converteu no “observatorio independente e imparcial” da vida universitaria, tal e como lembrou o profesor Argimiro Rojo, actual presidente do tribunal. Fíxoo nun acto no que se celebrou o 20 aniversario dunha institución, o TG, que, en cumprimento dos novos Estatutos da Universidade, dará paso en datas próximas a unha nova etapa cun Valedor ou Valedora Universitaria a fronte, alguén que, como subliñou o actual reitor, Manuel Reigosa, “desde un punto de vista totalmente independente, sexa quen de tirar das orellas cando hai que facelo, e que permita tamén que todos os estamentos da Universidade de Vigo –alumnado, PDI e PAS- se vexan reflectidos nesta institución que é de todos e para todos”.
Con este acto a Universidade de Vigo quixo ofrecer unha homenaxe a todas as persoas que formaron parte do Tribunal de Garantías ao longo destes anos, “e así poder expresar publicamente, e a través da entrega dun pequeno agasallo, un sentimento de gratitude e recoñecemento”, explicou Rojo no seu discurso, unha intervención con sabor a despedida na que, visiblemente emocionado, quixo compartir co conxunto da comunidade universitaria “a satisfacción de ter contribuído ao longo destes anos á defensa e á promoción dos dereitos e intereses lexítimos do alumnado, do PAS e do PDI”.
O acto, no que se repasaron as principais actividades e funcións do tribunal ao longo destes anos, tivo un marcado carácter lúdico e festivo. Conducido polo vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e amenizado polo dúo musical Riobó & Pintos, composto por Anxo Pintos e Begoña Riobó, incluíu a proxección dun vídeo de arredor de dez minutos de duración no que apareceron persoas, escenarios, conceptos, ideas e informacións que mostraron o por que e o para que do tribunal.