Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Campus de Vigo. Universidade de Vigo 15 de set. de 2023

Visto 50 veces

Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Campus de Vigo. Universidade de Vigo

A EET é un centro de referencia tanto en docencia coma en investigación no que recibirás unha formación de calidade e cunha alta orientación práctica (o 50% da docencia é impartida en grupos reducidos, laboratorios e/ou con orientación de traballo en proxectos). A excelencia investigadora reflíctese na presenza continuada nos últimos anos no ranking de Shanghai, entre os mellores 200 centros do mundo en Telecomunicacións. O persoal docente e investigador da EET ocúpase de facer unha investigación aplicada, transferindo coñecemento cara ó tecido empresarial e industrial. De aí que o noso centro fose o que conseguiu maior número de contratos con empresas e o maior volume económico nos mesmos no último ano.

Esta estreita relación coa investigación no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, permite ofertar unha docencia aplicada próxima ás necesidades da industria, que se reflicte na colaboración de profesionais externos na definición de proxectos e traballos de fin de titulación a desenvolver polo estudantado, especialmente nos últimos cursos do Grao e nos mestrados, ademais das prácticas curriculares en empresas. De feito, o noso Grao ten aparecido entre os cinco mellores de España en Telecomunicacións nos rankings que anualmente publica El Mundo.

Para facilitar a túa incorporación á vida no centro, temos dous programas pioneiros da Acción Titorial na Universidade de Vigo, que chamamos MEET e orientaTE. No MEET (Mentoring na EET), recibirás axuda de estudantes de cursos superiores, formados especificamente en competencias transversais para esta misión, que actuarán como mentores e, xunto co equipo docente, acompañarante durante o teu primeiro curso na Escola. Ademais, terás charlas e obradoiros formativos específicos para este primeiro contacto coa Universidade. O obxectivo do programa orientaTE é axudarte cara á túa saída ao mundo laboral: recibirás asesoría e formación complementaria durante toda a túa estancia na EET sobre diferentes aspectos da traxectoria profesional e académica. Non esquezas dirixirte á DAAT, a delegación de estudantado do centro: un grupo de estudantes, elixidos para representarvos, comprometidos co bo funcionamento do centro e a universidade que están sempre dispostos a axudarte.

Pero a túa traxectoria dentro da Escola non se limitará unicamente aos teus estudos. Neste período que agora comezas enriquecerás a túa rede de amizades e terás a oportunidade de desfrutar de todas as oportunidades que brinda a universidade: facer estancias formativas en outras universidades nacionais e estranxeiras, practicar deporte, asistir a actividades culturais, … sen esquecer participar en algunha asociación estudantil. Na EET temos o orgullo de patrocinar e axudar a 6 asociacións (catro delas naceron de feito na nosa Escola) que dedican o seu tempo a temas tan apaixonantes como: a construción dun barco solar tripulado para competir internacionalmente; ao deseño, construción e lanzamento de pequenos satélites; a mellorar a oratoria preparándose para competir e gañar torneos universitarios nacionais; a crear un foro de emprego anual con gran éxito; a traballar en diferentes proxectos de enxeñaría; ou a deseñar e construír un monopraza tripulado para competicións internacionais.