Acto de entrega dos premios GIRLGEEKPOWER 21 de mar. de 2024
Acto de entrega dos premios GIRLGEEKPOWER
Antía Álvarez, Iria Oleiro, Julia Escribano e Verónica Laíño, distinguidas polos seus expedientes
No acto de entrega de premios, que tivo lugar na sede da Deputación de Pontevedra, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, felicitou ás premiadas “polo voso esforzo e o voso talento”. Agradeceulles ter elixido a UVigo e optado por unha titulación do ámbito STEM e pediulles que, en adiante, sexan, “faros” para outras mozas que queiran estudar carreiras científicas e tecnolóxicas. Tamén tivo palabras de agradecemento para a Deputación, polo “seu apoio incondicional e porque partillamos unha visión do que debe ser o mundo, onde a igualdade xoga un papel importantísimo”. O reitor recalcou que “se de verdade queremos unha sociedade que progrese en todos os ámbitos, que sexa máis próspera e máis xusta, precisamos a igualdade, precisamos que o talento feminino e o esforzo que derrocháchedes durante as vosas carreiras, estea espallado por todos os eidos, que non haxa titulacións de homes e mulleres, senón que todos e todas, xuntos e xuntas, poidamos construír esa sociedade mellor”.
Pola súa banda, a deputada de Igualdade e Benestar, Sandra Bastos, incidiu en que “as nosas vocacións e os nosos soños profesionais non teñen nada que ver co noso sexo ou xénero”. Engadía que as mulleres poden “ocupar todos os espazos en todos os ámbitos que desexemos, estamos altamente capacitadas, e non hai máis teitos que os que nos impoñen e non imos descansar ata rachalos un a un”. Ás “merecidísimas gañadoras” trasladoulles os seus parabéns por seren “un grande exemplo para todas, sobre todo paras novas xeracións” e recalcou que “para conseguir que a fenda de xénero nas STEM se reduza, é imprescindible que as nenas teñan referentes, que vexan que é posible, que houbo outras antes que o conseguiron e que elas tamén poden”.
A encargada de poñer en cifras esta fenda de xénero foi a directora da Unidade de Igualdade da UVigo. Referiuse ao último informe do Observatorio de Igualdade da institución académica, realizado en 2023 con datos do curso 2021/2022, que demostra non só existe un desequilibrio nas matrículas de mulleres nas carreiras STEM senón que, das que se deciden por estes estudos, son aínda menos as que continúan a carreira investigadora. “Mentres as mozas son maioría nas teses de ámbitos como ciencias da saúde ou ciencias sociais, nas carreiras STEM representan apenas o 20% ou 30% do alumnado”. Este informe recolle tamén que a presenza feminina na actividade investigadora da UVigo descendeu tres puntos con respecto ao curso anterior e revela tamén que, aínda que nos últimos anos a porcentaxe de mulleres axudantes de investigación da UVigo se sitúa arredor do 50% do total, que é un bo dato, moitas delas abandonan e só 3 de cada 10 alcanzan a cátedra, cumio da carreira académica”. Por iso, destacaba Gómez, “é tan importante visibilizar os expedientes e traxectorias destas estudantes, para construír referentes que axuden a fomentar a presenza de mozas nas carreiras científicas e tecnolóxicas e evitar que as mulleres queden á marxe dun futuro onde se espera que o 90% dos traballos estarán relacionados con estes ámbitos”.
Fonte: DUVI