#Marcamos a diferenza 28 de maio de 2026
#Marcamos a diferenza
Calidade HD - 30 segundos
Cada ano, por estas datas, lanzamos unha mensaxe dirixida á nosa contorna, pero sobre todo ao estudantado que se enfronta ás probas de acceso á universidade.
Nesta ocasión facémolo contando unha aventura distinta, a de Monchiño, un vampiro matriculado na UVigo, que convive en harmonía co profesorado e co estudantado nas aulas, no laboratorio, na biblioteca ou no comedor...
Realidade e ficción mestúranse para amosar unha institución que ten entre os seus fins eliminar as desigualdades por razón de orientación sexual, sexo, idade, discapacidade, raza, etnia, clase ou relixión, para favorecer e garantir a calidade dunha educación inclusiva.
A intención é transmitir a idea de que cando un se achega á Universidade de Vigo, soprenderase con todo o que lle pode ofrecer: unha universidade pública, galega, internacional e sostible, que persegue a excelencia na docencia, a investigación, a transferencia e a innovación, pero sobre todo inclusiva no seu interior.
Baixo o lema «Marcamos a diferenza», a nova campaña de comunicación apóiase na diversidade como elemento fundamental para facer pensar, abrir unha conversación e convidar a matricularse nunha institución onde as persoas medran tanto desde o punto de vista persoal como profesional.
Porque sexas como sexas, na Universidade de Vigo dámosche a benvida.
