“FIRE-RS acadou a integración de múltiples tecnoloxías para facilitar a loita contra o lume, cumprindo así cos obxectivos definidos no proxecto” 8 de maio de 2019

Visto 13 veces

“FIRE-RS acadou a integración de múltiples tecnoloxías para facilitar a loita contra o lume, cumprindo así cos obxectivos definidos no proxecto”

Intervención de Fernando Aguado, coordinador do proxecto FIRE-RS

No acto de presentación dos resultados, o reitor, Manuel Reigosa, puxo en valor un proxecto que reúne aspectos “dos que estamos moi satisfeitos tanto dende a Universidade de Vigo como dende a sociedade galega”, entre eles a aposta pola colaboración tanto internacional como público-privada; o fornecemento de capacidade tecnolóxica cara o tecido industrial; ou a creación de spin-off, coa posta en marcha de Alén Space. Xúntanse así, remarcaba, “unha serie de cousas que crean a Universidade que nós pretendemos, grazas ao traballo de persoas como Fernando Aguado e todo o seu equipo”.

Pola súa banda, Aguado quixo dar as grazas a Axega e recoñecer o traballo do profesor José Antonio Vilán, co-investigador principal no comezo do proxecto, e o esforzo dos membros da Agrupación Aeroespacial, o grupo CIMA, o grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, o Laboratorio de Informática Aplicada, LIA2 e dos socios europeos. Sobre a constatación da efectividade dos resultados, Aguado amosábase “satisfeito de ter realizado un traballo moi interesante”, que agora mesmo está preparado para pasar á fase da transferencia. “Nós comprobamos que a tecnoloxía está plenamente operativa, é escalable e os resultados cumpriron cos obxectivos, polo que o futuro pasa pola implicación da administración pública e a comercialización a través do tecido produtivo da contorna galega “para producir riqueza económica e xerar postos de traballo”.

Marcos Araújo, xerente de Axega, remarcou a importancia deste tipo de proxectos que axudan non só ao control dos lumes, senón tamén á prevención. “Os cambios de modelos sociais, de usos do territorio e o cambio climático repercuten de forma notable na tipoloxía, número e casuística dos incendios forestais", pero este tipo de proxectos axudan a evitar situacións de emerxencia, a que estas se agraven e tamén teñen un papel de prevención e disuasión. “Dado que o 95% dos lumes son provocados, o control e monitorización do terreo pode axudar a reducir esta cifra”, recoñecía.

Fernando Aguado
Investigador da Universidade de Vigo y coordinador del proyecto Fire-RS