Presentación de Ana E. Hervás 16 de xuño de 2016
Presentación de Ana E. Hervás
Presentación de Ana E. Hervás
O Congreso Internacional de Agroecoloxía está organizado polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía e, nesta sexta edición, conta coa participación de 200 agroecólogos e agroecólogas de Europa e Latinoamérica que compartirán experiencias e debates na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo. Xavier Simón, director do grupo, explicaba na inauguración que este simposio “tenta ser unha combinación de ciencia e de sabedoría, un espazo no que se encontren homes e mulleres que traballan no eido científico pero tamén homes e mulleres que traballan directamente coa terra, cos problemas aos que nos enfrontamos os seres humanos”. No acto de apertura tamén o definiu como “un espazo político, que non partidista, porque nos manifestamos clara e rotundamente por novos modelos de alimentación pero tamén en contra do TTIP e do Ceta”. Nestes dous días, os participantes abordan tres dimensións da agraoecoloxía: a técnico-produtiva; a política e a socio-cultural e cada unha delas organízase en varias áreas temáticas. Na primeira das dimensións tratanse temas como o manexo agroecolóxico de sistemas; as estratexias para a conservación da biodiversidade ou a cadea agroalimentaria, distribución e conservación de alimentos. No relativo á dimensión política, debátese sobre o papel das institucións públicas como demandantes de alimentos; sobre a acción social e comunitaria para mobilizar recursos abandonados e construír solucións para a subalimentación; economía global e acción local e feminismo e agroecoloxía. Finalmente, no bloque temático centrado no eido sociocultural analízanse novas formas de coñecemento e de propiedade para a sustentabilidade; experiencias comunitarias de desenvolvemento humano e ética, epistemoloxía e educación para a agroecoloxía. O congreso comprende tamén catro grupos de traballo de temáticas específicas: Novos mercados de consumo de alimentos e metabolismo social; o sector público como demandante de alimentos; feminismo, agroecoloxía e coidados e agricultura social e terapéutica.