Ata cando seguiremos pagando pola electricidade máis do que custa? 22 de set. de 2021
Ata cando seguiremos pagando pola electricidade máis do que custa?
Nova edición do ciclo ‘Diálogos en tempos de pandemia’
Natalia Fabra, Catedrática no Departamento de Economía da Universidad Carlos III de Madrid, amosou a gran complexidade que rodea a cuestión eléctrica, “incluso para as persoas que levamos certo tempo estudándoa”, tal e como subliñou o profesor Fidel Castro que, xunto co vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, foron os encargados de presentala.
A preocupación pola escalada de prezos do mercado enerxético en España, que non deixa de marcar novos récords, marcou o punto de arranque da súa intervención. “Hoxe estamos a pagar 175 euros o MWh, 75 millóns de euros máis do que estaríamos a pagar se o prezo seguise correspondendo á media de prezos do período 2012-2020”, salientou a experta, quen, de cara a facer visible a magnitude do problema, trasladou esta cifra, dun único día, ao total anual, acadando a “astronómica cifra” de máis de 28.000 millóns de euros que se estarían a pagar de máis fronte ao que se viña pagando en anos anteriores. En base a estes datos non dubidou en referirse a todas estas cuestións como “un problema moi importante”, que pode ter repercusións moi relevantes, tanto na economía como en todo o proceso de recuperación.