Acto de entrega da V Edición dos Premios Consello Social UVigo_Humana 28 de abr. de 2025
Acto de entrega da V Edición dos Premios Consello Social UVigo_Humana
“Non só se trata de asistencia.Trátase de empoderar, de protexer, de acompañar, de seguir construíndo humanidade, mesmo nas ruínas”. Con esta frase rematou a súa intervención no acto de entrega dos premios Consello Social UVigo_Humana 2024 Lorena Gamito, directora en España de Acción Humanitaria, Emerxencias e Desenvolvemento da Axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo. Xunto á UNRWA España, a delegación galega de Emaús Fundación Social foi a outra entidade premiada na quinta edición dos galardóns, que Juncal Blanco, responsable territorial da entidade, agradeceu e dedicou “ao esforzo e á loita diaria das persoas que forman parte de Emaús”. Nun acto conducido pola vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, que se celebrou no edificio Redeiras, preto dunha vintena de egresadas e egresados da UVigo tamén recolleron os recoñecementos aos seus traballos de fin de grao e fin de mestrado en materia de Axenda 2030, cooperación ao Desenvolvemento e Responsabilidade Social. Traballos nos que as súas autoras e autores abordaron temáticas como a tradución con perspectiva de xénero; o impacto da RSC na rendibilidade empresarial; a análise de parámetros de calidade da auga de abastecemento nun barrio dunha poboación de Guinea-Bissau; a industria alimentaria ante o novo paradigma e a sustentabilidade ou unha proposta de boas prácticas para a Axenda 2030 consonte os principios do postcrecemento.
Fonte: DUVI