UVigo Motorsport presenta o UM25 1 de xul. de 2025
UVigo Motorsport presenta o UM25
O monopraza correrá este verán nos circuítos de Formula Student Portugal e Croacia.
A escudaría que este ano cumpre unha década está formada por arredor de 80 estudantes de diferentes graos dos tres campus, incluíndo todas as titulacións da EE Industrial, así como da EE de Telecomunicación, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, de Enxeñaría Biomédica, de Enxeñaría Informática, de Comunicación, Filoloxía e Tradución etc.
Para todos eles, a participación neste proxecto é dunha altísima esixencia, que implica unha dedicación de horas e esforzo que deben compaxinar cos seus estudos. Pero a súa implicación ten recompensas en múltiples ámbitos, non só pola experiencia persoal, senón porque traballar no deseño e fabricación do monopraza “permítenos ver a aplicación real do que aprendemos na carreira, ver para que serve o que estudamos”. Ademais é tamén unha fonte de vocacións, e moitos dos membros do equipo teñen moi claro que se queren dedicar no futuro ao eido da automoción. Ao tempo, esta iniciativa estudantil é tamén é un reclamo para a EEI e para a UVigo, xa que non son poucos os mozos e mozas de secundaria que se achegan aos membros do equipo nos múltiples actos aos que estes asisten para interesarse polo proxecto, pola escola e por formar de da escudaría no futuro. “Temos canteira asegurada”.