Expo-feira científica ‘A ciencia que vén ten nome de muller’ 30 de maio de 2025
Expo-feira científica ‘A ciencia que vén ten nome de muller’
Por primeira vez, a feira celébrase fóra das cidades nas que se asentan os campus da Universidade de Vigo, co obxectivo de descentralizar a divulgación científica e contribuír ao impulso do desenvolvemento local. Con máis de 20 actividades interactivas, a feira busca espertar a curiosidade científica e fomentar as vocacións STEM entre as crianzas e a mocidade, sen perder de vista o público xeral. A través de obradoiros, experimentos, charlas, arte e espectáculos, a xornada convida a descubrir que a ciencia tamén se fai fóra dos laboratorio e está presente na vida diaria, ao tempo que pretende achegar referentes femininos no ámbito investigador, visibilizando o traballo das científicas da UVigo.
Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo, a feira insírese dentro das actividades do programa ‘Ciencia de Ida e Volta’ e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello de Lalín.
