Eu Son INCUVI. Emprende, Avanza e Consolida 26 de feb. de 2026
Eu Son INCUVI. Emprende, Avanza e Consolida
Da idea ao mercado, un itinerario completo.
Este ano son 15 os proxectos de emprendemento que acadaron premios e axudas que permitirán ás e aos seus promotores adquirir os coñecementos precisos para impulsalos. 11 iniciativas que abranguen desde unha aplicación de servizos para o Camiño de Santiago, a unha fábrica de produción de aceiro, pasando pola creación dunha metodoloxía estandarizada de recuperación post-incendio ou unha plataforma que permite a pais e profesorado crear contos personalizados, recibiron este mediodía nun acto celebrado no edificio Redeiras os Premios Incuvi Emprende, que lles darán acceso ás persoas gañadoras a formación e titorización durante un período de preincubación dun máximo de seis meses e unha axuda económica dun máximo de 1000 euros por proxecto.
Pola súa banda, unha consultoría artística especializada en estratexia, representación e comunicación para artistas, galerías, institucións e coleccionistas; un servizo integral de asesoramento sobre riscos dixitais e un programa de adestramento onde o corpo flúe, a mente se acouga e un programa enfocado ao benestar físico e mental, acadaron as Axudas Incuvi Avanza. Un recoñecemento que proveerá as persoas gañadoras tanto formación, como mentorización e unha achega económica dun máximo de 1000 euros por proxecto para facer fronte a custos do modelo de prototipo ou demo dun produto ou servizo que forme parte da iniciativa emprendedora.
Mentres, unha marca de roupa e accesorios de produción local, que ofrece roupa urbana e de xénero neutro, con deseños personalizados que parten da pertenza a unha de catro tribos urbanas foi a merecedora do Incuvi Consolida, que comprende 10 horas de asesoramento e mentorizacion e unha achega económica máxima de 1000 € para enfrontar custos derivados da consolidación do proxecto.
