Premios Consello Social UVigo Humana 30 de abr. de 2026
Premios Consello Social UVigo Humana
Galardoadas a Fundación Mujeres por África, no ámbito internacional e á asociación Bicos de Papel, no ámbito galego. O Consello Social tamén premia os mellores TFG, TFM e teses en materia de Axenda 2030
Na súa sexta edición, o xurado acordou conceder o galardón de ámbito internacional á Fundación Mujeres por África polo seu labor continuado de promoción do liderado feminino, a igualdade de xénero e o desenvolvemento sostible en África, reforzando a emancipación económica e social das mulleres a través de programas educativos e de formación. Pola súa banda, o premio de ámbito galego recaeu na asociación Bicos de Papel polo seu apoio integral a familias e menores diagnosticados con enfermidades oncolóxicas, ofrecendo recursos sociais, psicolóxicos, educativos e acompañamento emocional. A entrega de galardóns celebrada este mediodía completouse coa dos premios ás mellores teses e traballos de fin de grao e mestrado do alumnado da UVigo en materia de Axenda 2030 e ODS.
