Planta de cría de Tenebrio molitor para a biodegradación de plástico 3 de maio de 2023

Visto 32 veces

Planta de cría de Tenebrio molitor para a biodegradación de plástico

Conferencia

O crecente incremento da contaminación por plásticos motiva a idea do presente proxecto, que ten como obxecto a creación dunha planta de cría de {Tenebrio molitor} para mellorar a xestión dos refugallos plásticos. O interese por este organismo reside en que as larvas posúen a capacidade de degradar polietileno e poliestireno, entre outros, mediante a microbiota que se atopa en simbiose no seu intestino, converténdose nos protagonistas desta empresa que busca degradar 1.000 Kg de plástico mensualmente.

O proxecto iníciase para proporcionar os seus servizos á empresa “FCC Medio ambiente”, sendo necesaria un investimento inicial de 101.719,14 €. Cabe destacar que está previsto recibir subvencións dos concellos de Vigo, Nigrán, Gondomar e Baiona. O emprazamento da nosa actividade é un solar na Rúa Porto do Molle (Nigrán) de 25.956 m2. O edificio constará da cámara de cría de 7800 m2, onde se criará e alimentará con plásticos e comida natural a {Tenebrio molitor}. Ademais, atópase un almacén de 800 m2 e unha zona de oficinas onde está un laboratorio de 130 m2 que se encarga da investigación.

Finalmente, hai que destacar que derivado do proceso de eliminación de residuos plásticos, obteremos beneficios ao vender pupas e adultos para alimentación (mascotas) e excrementos como fertilizante, potenciando a economía circular e sustentabilidade. De feito os nosos ingresos mensuais alcanzarían o valor de 398.330 €.

Lucas Fernández Velasco
Estudante, Universidade de Vigo
Álex Miralles Domínguez
Estudante, Universidade de Vigo
Alba Pereira Méndez
Estudante, Universidade de Vigo
Natalia Romero Rodríguez
Estudante, Universidade de Vigo