VI Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga 10 de feb. de 2025
VI Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga
O Campus Auga premia o talento investigador en recursos hídricos, alimentarios e agroambientais. Foron distinguidos once traballos realizados por persoal docente e investigador e alumnado da UVigo
O acto de entrega contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, e Nicolás Esmorís, director xerente de Viaqua. Na súa intervención, o reitor destacou que estes premios distinguen “unha escolma” do talento existente no campus de Ourense. Neste senso fixo fincapé na importancia de recoñecer e pór en valor con iniciativas coma esta o talento investigador que agroma na institución académica, xa sexa formado nela ou captado, pois, indicou, “a sociedade do futuro é unha sociedade do coñecemento” e baseada nas capacidades. Manuel Reigosa salientou ademais o potencial do Campus Auga como “unha ferramenta única e competitiva” para o desenvolvemento de Ourense. Pola súa banda, Nicolás Esmorís salientou que son xa seis anos de participación de Viaqua nestes premios e puxo en valor a colaboración público-privada para avanzar na innovación, no desenvolvemento e na sostibilidade e afrontar os retos que hai no eido dos recursos hídricos.
Os Premios Campus Auga están convocados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e financiados a través dos convenios que ten a UVigo coa empresa Viaqua Xestión Integral de Augas de Galicia SAU e tamén coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para financiar o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia. Dotados cun orzamento total de case 9000 euros, os galardóns teñen como obxectivo recoñecer e estimular os esforzos das e dos investigadores que contribúan a desenvolver o Campus Auga.
Fonte: DUVI