Representantes políticos debaten sobre educación e xuventude no campus de Pontevedra 16 de feb. de 2024
Representantes políticos debaten sobre educación e xuventude no campus de Pontevedra
Organizado polo Decanato e a Delegación de Alumnado de Dirección e Xestión Pública e coa participación de candidatos de PP, BNG, PSOE, Sumar e Podemos
Na xornada previa ao peche da campaña das eleccións autonómicas deste domingo 18 de febreiro, a Facultade de Dirección e Xestión Pública do campus pontevedrés acolleu un debate electoral, que tivo como eixe central as propostas dos diferentes partidos en materia de educación, xuventude e emprego. Promovido polo Decanato e a Delegación de Alumnado da facultade, coa colaboración do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, neste debate participaron integrantes das candidaturas pola provincia de Pontevedra dos partidos sinalados como representativos e significativos pola Xunta Electoral.
Aberto tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía e moderado polo profesor Celso Cancela, o debate contou coas intervencións de Miguel Fidalgo (PP), Paulo Ríos, (BNG), Xulio Torrado (PSOE), Ramón Sarmiento (Sumar) e Antía Fernández (Podemos), aos que tanto a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, como o decano, Enrique Varela, agradeceron a súa disposición a tomar parte nesta actividade, coordinada polo profesor Fernando Martínez.
Fonte: DUVI