Deseño e instalación de xardíns verticais 21 de abr. de 2022

Visto 25 veces

Deseño e instalación de xardíns verticais

Nos últimos anos incrementouse o interese polos xardíns verticais debido á crecente preocupación polo medio ambiente e a eficiencia enerxética. Nas zonas urbanas a concentración de edificios e tránsito rodado producen numerosas substancias nocivas, ademais de consumir gran cantidade de osíxeno. O uso destes xardíns supón unha ferramenta innovadora para a transformación da arquitectura, ao mesmo tempo que un sistema de limpeza do aire e regulación da temperatura nas cidades.
Este proxecto propón a creación dun centro de montaxe de xardíns verticais que abasteza a distintos locais ofrecéndolles a posibilidade de renovar a súa imaxe mediante a implementación en terrazas ou como decoración de interiores (restaurantes ou uso particular). Ademais, supoñerá simultaneamente a instalación de novos pequenos puntos verdes que axudan a mellorar a calidade do aire.
O centro de traballo da empresa VerCour está situado no polígono da Granxa, no Porriño (Pontevedra), ocupando parte dunha parcela de 7.946 m2. A recepción e as oficinas estarán situadas na planta alta do edificio, onde os operarios, entre outras funcións, deseñarán o modelo de xardín máis cómodo e personalizado para cada localización segundo as preferencias do cliente. Na planta baixa situaranse os almacéns dos soportes, vexetación e substratos, así como o lugar de traballo e montaxe. Todos os materiais serán solicitados a diferentes provedores, ofrecéndolle ao cliente a posibilidade de dispor de sistemas de rega e mantemento totalmente automatizados.
Para garantir a sustentabilidade do xardín, utilizaranse substratos axeitados para cada especie vexetal segundo as súas preferencias de crecemento. O xardín estruturarase na zona de traballo e, unha vez realizado o pertinente control de calidade, será trasladado polos traballadores ao lugar de destino. A diferenza doutras empresas que ofrecen os mesmos servizos, VerCour utilizará na medida do posible materiais respectuosos co medio ambiente para a construción dos xardíns.
A empresa comprométese a crear o xardín máis adecuado ao espazo proposto, proporcionando unha garantía de 2 anos por posibles enfermidades vexetais, danos ou deterioración, onde non se cobrarán gastos adicionais polo seu coidado. Ademais, unha vez expire a garantía, ofrécese a posibilidade de contratar un servizo de mantemento periódico onde os expertos no
ámbito encargaranse de solucionar toda clase de problema exposto.
En definitiva, este proxecto desenvolve un método innovador de creación de xardíns particulares e exclusivos coa vantaxe de achegar, ademais dunha decoración orixinal, un compromiso co medio ambiente e a sociedade.

Presenta: Carla Albertina Moniz
Facultade de Bioloxía, Universidade de Vigo
Presenta: Susana Villa Laschuetza
Facultade de Bioloxía, Universidade de Vigo
Laura Bergantiños Lillo
Facultade de Bioloxía, Universidade de Vigo
Cristina María Gómez Carballo
Facultade de Bioloxía, Universidade de Vigo
Laura González González
Facultade de Bioloxía, Universidade de Vigo
Lara González Rodríguez
Facultade de Bioloxía, Universidade de Vigo

Vídeos da mesma serie
GreenApp
10 de maio de 2022
Máscara fónica
10 de maio de 2022
Ahorramax
10 de maio de 2022
Helicultura intensiva
21 de abr. de 2022
Bioplastic A2ML
21 de abr. de 2022